A Deputación de Pontevedra confirma o seu compromiso co Grupo Municipal de Atención de Emerxencias
Fecha: 2016-02-08
A presidenta da Deputación vén de asinar un documento no que confirma a prestación da axuda económica correspondente para manter o servizo.
Por solicitude do alcalde do Grove, a Deputación de Pontevedra acaba de ratificar por escrito o seu compromiso de manter a axuda económica para o mantemento do Grupo municipal de atención de emerxencias. Trátase de ao redor de 41.000 euros que supuñan o 33% do custo do servizo e que cubría as achegas da Xunta de Galicia (26%) e do propio Concello (41%).
Tal e como se indica no escrito remitido, a dita achega queda supeditada a que “esta se articule a través dun convenio de cooperación no que participen Concello, Deputación e Xunta de Galicia, nos mesmos termos e condicións que no anterior convenio tramitado pola Administración autonómica”. Deste xeito o alcalde do Grove xa mantivo as correspondentes reunións co director xeral de Emerxencias e o director xeral de Administración Local para solicitarlles repetir o que se tiña realizado en anos anteriores, xa que este convenio que é crucial para manter o servizo, dado que o seu custo resulta dificilmente asumible en solitario polas arcas municipais.
Logo destes primeiros contactos, solicitouse unha reunión co vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, responsable da consellería da que dependen os servizos de emerxencia para poder confirmar o referido convenio. Agárdase que este encontro poida mantersese o antes posible para poder confirmar a viabilidade deste servizo no Grove incidindo en que se trata de repetir o realizado en anos anteriores.
Lembramos que o importe que se cubriría con este convenio suporía poder manter o servizo durante seis meses (125.000 euros), pero é un punto de partida moi importante para seguir traballando co fin de poder contar con fondos suficientes que cubran o servizo para a totalidade do ano.