O Concello pon en marcha o concurso de adxudicación de postos da Festa do Marisco
Fecha: 2016-06-06
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar os pregos de condicións para as concesións dos postos da Festa do Marisco que son explotados por entidades externas ao Concello. En concreto, as persoas interesadas poderán presentar as súas ofertas para servir unha serie de produtos: arroz de mariscos, berberechos, navallas, ostra plana, ostra rizada e polbo. Para facelo deberán presentar a documentación requirida nos pregos (que estarán dispoñibles na web do Concello) no prazo de 10 días desde a publicación da oferta.
As concesións outorgaranse por dous anos, prorrogables por outros dous, e para poder conseguilas será necesario realizar unha oferta que parte do 25% do recadado na venda do produto, ademais de cumprir unha serie de requisitos, e será fundamental a demostración da trazabilidade do produto procedente da ría e a calidade do servizo ofertado.