A Axencia de Lectura de San Vicente recibiu a primeira visita guiada dende a súa creación
Fecha: 2016-06-13
O pasado venres a Axencia de Lectura de San Vicente recibiu a primeira visita guiada da súa historia. O alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de educación primaria do CEIP As Bizocas desprazouse a este centro onde as bibliotecarias do Grove e de San Vicente se encargaron e recibilos para ofrecerlles unha mañá chea de libros, contos e actividades de animación á lectura.
Todos os anos organízanse visitas escolares á biblioteca do Grove, pero debido á dispersión xeográfica dos centros educativos, algúns teñen problemas para chegar ao Monte da Vila, polo que é preciso contar con autobuses para realizar estas visitas. Deste xeito promovéronse actividades nas que era a biblioteca a que se desprazaba aos centros educativos ou instalacións máis próximas, permitindo que todos os rapaces e rapazas accedesen aos servizos municipais. As maletas viaxeiras e os materiais da Rede de Bibliotecas mantivéronse á disposición dos centros educativos cos que se segue a ter unha fonda colaboración.
Deste xeito, a visita guiada á biblioteca de San Vicente supón un paso máis nesa colaboración, permitindo que os rapaces e rapazas do Grove teñan un acceso máis directo e próximo á Rede de Bibliotecas do Grove. Trátase, por tanto, de que tanto a zona de San Vicente como a de San Martiño conten cos mesmos servizos e posibilidades.