Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Concello do Grove desprázase a Bolonia para presentar a Festa do Marisco de 2016

Fecha: 2016-06-20

 

 

O Concello do Grove xa ten todo preparado para que o vindeiro martes 21 de xuño, ás 12.30 horas, o Palazzo Re Enzzo, situado na Praza Maior de Bolonia, acolla un acto de presentación que leva semanas preparándose. Para o seu desenvolvemento resultou crucial a colaboración dos técnicos e Turespaña e cóntase, ademais, co apoio da Axencia Galega de Turismo.

 

O alcalde e a concelleira de Turismo desprazaranse o luns ata esa localidade acompañados do cociñeiro con Estrela Michelín Javi Olleros, que será o encargado de lles ofrecer aos asistentes unha mostra de cociña en directo con produto do Grove. Precisamente o traslado do produto foi un dos elementos que requiriu dunha maior previsión e control loxístico e o pasado venres saíu cara á cidade italiana un transporte por estrada con mariscos da zona adecuadamente procesados, ademais de materiais de preparación e elementos de publicidade. 

 

Para esta ocasión fíxose unha adaptación do cartel da Festa, o cal significa a primeira vez na historia que se conta con este elemento noutro idioma inda que se conserva a marca rexistrada Festa do Marisco. Ademais do cartel, elaborouse un folleto integramente en italiano e os correspondentes dossiers. 

 

O acto constará de tres partes. Na primeira intervirá a responsable de Turespaña, que actuará como anfitrioa do evento presentando os participantes, a continuación, a concelleira de Turismo exporá datos relativos á oferta hostaleira do Grove e ao propio desenvolvemento da Festa para que o alcalde peche presentando ademais un audiovisual elaborado en italiano para a ocasión. Posteriormente, o cociñeiro Javi Olleros realizará unha exhibición de cociña e, para finalizar, convidarase os presentes á degustación do produto.

 

Agárdase que ao acto asistan ao redor de cincuenta persoas, a meirande delas pertencentes a medios de comunicación locais e nacionais e especializados. O convite tamén se estendeu a autoridades da zona e xestores de turismo. Debemos lembrar que esta cidade conta agora mesmo cunha conexión directa co aeroporto de Vigo a través dunha compañía de baixo custo. 

 

Esta acción supón, ademais, un novo paso na consecución dos requisitos que poden converter a Festa do Marisco en Festa de Interese Turístico Internacional.