Aprobada a dotación económica para o proxecto do Centro de Día
Fecha: 2016-06-20
Esta dotación supón que se poida contar co proxecto revisado xa no vindeiro mes de xullo.
O Goberno municipal aprobou unha modificación de crédito realizada sobre os orzamentos prorrogados coa finalidade de poder dispoñer dos 17.000 euros necesarios para que unha empresa técnica reaxuste o proxecto do Centro de Día. Esta variación do crédito é necesaria por non contar co novo orzamento, onde estaba contemplada esta partida. Para evitar demorar este proceso, procedeuse a realizar o cambio.
Debemos lembrar, ademais, que se trata de volver a facer unha serie de trámites que inicialmente xa estaban adiantados, pero que foron suspendidos no anterior mandato. O proxecto será readaptado para axustarse ás condicións impostas pola Secretaria Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia, concretamente no relativo a dous puntos básicos: adaptación ao Plan de Ordenación do Litoral (que se aprobou tres días antes da aprobación municipal do Plan Xeral do Centro de Saúde e Centro de Día no Concello do Grove), adaptación ás normas de patrimonio. Todo isto busca acelerar o proceso para dispoñer do único elemento que frea a construción desta infraestrutura: o permiso da Secretaria Xeral de Urbanismo. O Concello do Grove dispón xa de 600.000 euros para acometer este servizo.