Mañá comeza a programación cultural do Verán 2016
Fecha: 2016-07-05
Desde mañá mércores e ata o vindeiro 4 de setembro o Concello do Grove ten preparada unha amplisima programación cultural e festiva que abrangue todos os estilos e que pretende chegar a todo tipo de públicos. O pistoletazo de saída darao o cinema que, desde mañá e durante todos os mércores, se proxectará na rúa do Hospital (zona da capela de Santo Antonio) ao aire libre con títulos tanto comerciais, de animación, cinema en galego, documentais...
Pero unha das citas máis agardadas do verán meco é a dos Xoves Musicais, que este ano se alongarán durante todo xullo e agosto. A inauguración destes concertos correrá ao cargo do grupo local Fla-meco, quen o ano pasado colleitara un notable éxito na súa actuación de verán e que fará o propio o xoves, 7 a partir das 22.00 horas no escenario da praza do Corgo. Ademais de Fla-meco, a veciñanza e quen nos visite poderán gozar doutras formacións coma Os Amigos do Acordeón das Rúas Baixas, Nacked Covers, Xhiva ou os Firrás, tentando cubrir todo tipo de estilos.
Pero ademais do cine e da música, a programación deste ano fai un especial fincapé na celebración do Día Nacional de Galicia, data que será conmemorada con actividades vencelladas a esta efeméride, pero tamén á celebración do Ano Castelao. Entre os actos centrais están programados concertos como o do grupo folk galego Habelas Hainas ou a actuación de Uxía e Narf co seu exitoso traballo Baladas da Galiza imaxinaria.
Na programación tamén se contemplan as Festas do Carme e, por suposto, unha data xa tradicional en agosto coa celebración en San Vicente da Festa da Malla, organizada polo colectivo Roza do Pedrol. Tamén repite o Carnaval de Verán que organizan os locais da zona do Pombal e a Castelao e Javi Solla será o protagonista a finais de agosto de celebrar o fin do verán na rúa Pratería.
Neste amplo programa tamén ten cabida a ciencia e a historia con xornadas sobre arqueoloxía, sobre as Irmandades da Fala e a observación astronómica. O Concello do Grove convida a todos os veciños e veciñas e ás persoas interesadas a darse de alta no servizo de avisos da páxina de Facebook “Verán O Grove 2016”. Está previsto que a distribución dos programas de man comece ao longo desta semana.