Miss Ledyia volve ao Grove 100 anos despois
Fecha: 2016-07-22
O filme rodado na Illa da Toxa no ano 1916 será proxectado hoxe na Praza do Corgo.
Hoxe venres, 22 de xullo, terá lugar na Sala das Cunchas do Concello do Grove unha conmemoración do Centenario das Irmandades da Fala. O acto comezará ás 20.00 horas cunha conferencia a cargo de Emilio Ínsua, profesor e escritor que abordará as Irmandades e a súa historia. Posteriormente procederase a inaugura a exposición de paneis “Castelao e os irmáns da liberdade” que ocupará a Sala das Cunchas do Concello ata o vindeiro 5 de agosto.
Unha vez rematados estes actos, no exterior do Concello, sobre o escenario da Praza do Corgo, proxectarase o primeiro filme de ficción galego coñecido. Trátase da película de 20 minutos “Miss Ledya” que fora estreada o 3 de marzo de 1916 e que foi dirixida por José Gil y Gil con guión de Rafael López de Haro. Entre o elenco de actores do filme atópase o propio Rodríguez Castelao e o escenario principal da historia é o balneario da Illa da Toxa.
Trátase dunha oportunidade única de gozar deste filme que leva máis de oito anos sen proxectarse no Grove e que é unha peza fundamental da historia do cine galego e da propia historia local da nosa vila.