A voz de Castelao poderá ouvirse na rúa de Santo Antonio
Fecha: 2016-07-27
Hoxe mércores, dentro do programa de cinemas de verán e co gallo das actividades celebradas en torno ao Día Nacional de Galicia, proxectarase o fin documental Castelao e os irmáns da liberdade, un traballo de Xan Leira que realiza un percorrido pola traxectoria vital, artística e política de Alfonso Daniel R. Castelao. A peculiaridade deste proxecto audiovisual está, precisamente, no acceso a fontes tan privilexiadas como aquelas persoas que coincidiron con Castelao nas súas diversas etapas.
Ademais do valor de poder coñecer de primeira man a persoa e a vida de Castelao a través dos testemuños da súa familia e amigos, o documental recolle material audiovisual de gran valor ,entre o que se atopa un anaco de gravación nas que se pode escoitar ao propio Castelao. A proxección terá lugar esta noitiña, ás 22.00 horas, na rúa de Santo Antonio (O Hospital) e o documental complementa a exposición do mesmo título que se pode visitar na Sala das Cunchas ata o vindeiro 5 de agosto.