O Concello continúa coas melloras en accesibilidade de edificios públicos
Fecha: 2016-08-08
A rampla de acceso á tarima do Sala das Cunchas atende unha reclamación da Asociación Anduriña para garantir o bo acceso a este espazo.
Dentro do compromiso do equipo de goberno por mellorar a accesibilidade dos edificios e dos espazos públicos en xeral, continúase con avances logo do amplo plan que permitiu adecuar os colexios e a propia entrada do Concello. Precisamente, na Casa do Concello acaba de instalarse unha rampla que permite acceder á tarima da Sala das Cunchas. A rampla foi estreada na inauguración da exposición que o pasado venres tivo lugar neste espazo e permite que se poida acceder á dita tarima sen problemas de accesibilidade.
Ademais do anterior, a Consellería de Cultura acaba de conceder unha subvención para realizar melloras nun dos edificios que máis o precisa: a Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey. Os servizos técnicos municipais están estudando a aplicación desta pequena axuda para mellorar a accesibilidade ao Salón de Actos deste espazo.