O Concello lembra aos usuarios a prohibición de aparcar no piñeiral da praia da Illa da Toxa
Fecha: 2016-08-10
As queixas veciñais con respecto ao mal uso de este espazo están resultando reiteradas.
O aparcamento na zona de pinar da praia da Toxa á que se accede pola marxe esquerda da ponte está totalmente prohibido, tal e como indican os correspondentes sinais existentes na zona. Nas últimas semanas foron moitos os usuarios que fixeron caso omiso deses sinal e colocaron os seus vehículos neste espazo natural, feito que é susceptible dunha sanción ao tratarse dunha infracción grave.
O acceso a esta zona en vehículos de motor tan só lle está permitido ao persoal adscrito ao plan marisqueiro (vixiantes e mariscadores) nos períodos marcados de marisqueo, ao tratarse dunha necesidade para desenvolver o correspondente traballo. Fóra desa excepción (adecuadamente sinalizada), os vehículos non poden acceder alí, xa que se trata dunha presión excesiva para un espazo axardinado que require coidados especiais para o seu mantemento.
O Concello recomenda que para o mellor gozo desta zona de lecer aquelas persoas con mobilidade reducida ou que porten peso fagan unha parada no acceso para realizar a descarga e posteriormente se dirixan ás zonas de estacionamento próximas e amplas que existen na Illa da Toxa.