O Concello do Grove convida a hostalería a participar na mostra de pinchos da Festa do Marisco
Fecha: 2016-09-15
Un ano máis estarán dispoñibles oito postos de pinchos na Carpa Mahou do recinto do Corgo.
O Concello do Grove remitiulles unha comunicación aos establecementos de hostalería e restauración do Grove para que todos aqueles interesados en participar na mostra de pinchos poidan solicitar o seu posto. Trátase xa dunha cita tradicional na Festa do Marisco que permite coñecer o máis novo da gastronomía do Grove.
Na Carpa Mahou estarán dispoñibles oito postos de venda, en cada un dos cales os restaurantes interesados poderán ofrecer dous pinchos distintos. Os participantes achegarán un 20% da recadación para os gastos de montaxe e mantemento da carpa e ofrecerán os seus pinchos no horario habitual de funcionamento da Festa. Os interesados terán que dirixirse ao Concello para facer a súa solicitude.
Ademais disto, os cociñeiros e cociñeiras participantes terán que ofrecer dous showcookings dentro da programación da cociña en vivo. Tanto a mostra de pinchos como as exhibicións de cociña en vivo teñen conseguido un notable éxito nas edicións anteriores, incidindo, inda máis na alta calidade gastronómica deste evento.