Comeza a montaxe das carpas da Festa do Marisco
Fecha: 2016-09-22
Os traballos comezaron o día de hoxe e alongaranse ata o 1 de outubro.
Na mañá de hoxe comezaron os traballos de montaxe das carpas que acollerán as actividades da Festa do Marisco de 2016. Seguindo o deseño realizado na pasada edición, montaranse as tradicionais carpas de degustación anexas á lonxa e ao mercado (unha de 20 x 80 metros e outra de 20 x 65), pero tamén se engaden a carpa iglú que acolle o auditorio (de 20 x 40 metros) a carpa Mahou, onde se realizará a cociña en vivo e a mostra de pinchos (de 15 x 30 metros), unha carpa para cafetería (10 x 15 metros) e outra para artesanía (10 metros de diámetro).
A todo este conxunto de estruturas, este ano unirase un escenario que ocupará a vía do porto (zona da rotonda das garzas) durante todos os días da Festa. A zona de concertos quedará cuberta por unha carpa sen laterais de 15 x 45 metros, garantindo así que os espectáculos poidan celebrarse independentemente das condicións meteorolóxicas.
Os traballos de montaxe de carpas irán desenvolvéndose paralelamente aos traballos da súa montaxe interior. Tamén se colocarán espazos para aseos (dúas zonas) e un posto de socorro anexo á zona de degustación. Todos estes traballos supoñen a mobilización do persoal e a dedicación de moitos recursos, facendo un esforzo moi importante a cargo na súa totalidade do Concello do Grove.