O Grove pecha o 2016 con todas as praias de baño cualificadas como “excelentes”
Fecha: 2016-12-14
A Xunta de Galicia acaba de publicar a clasificación sanitaria anual das zonas de baño da comunidade referidas ás análises de 2016 e vixentes para 2017.
A Consellería de Sanidade dependente da Xunta de Galicia fixo pública esta semana a clasificación sanitaria das zonas de baño. Trátase do resultado das mostraxes levadas ao cabo ao longo de todo 2016 e que supoñen para O Grove o recoñecemento da calidade das súas praias. Deste xeito, das 21 zonas de baño analizadas por esta entidade, a súa totalidade dan como resultado unha calidade de auga “Excelente”.
O Grove é o segundo concello da provincia con maior número de zonas de mostraxe para a análise de augas (só por detrás de Vigo) e un dos poucos que consegue este resultado na totalidade dos seus areais. Debe incidirse que este feito supón un recoñecemento importante no referido ao traballo realizado para evitar vertidos e para a correcta xestión medioambiental dos areais mecos. Este punto de partida resulta moi positivo de cara á temporada 2017, na que xa se está traballando.