Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Concello acorda un calendario anual de apertura cos vendedores e vendedoras da praza de abastos

Fecha: 2017-01-17

Na reunión mantida onte tamén se informou sobre o procedemento de concesión dos novos espazos de emprendemento da praza de abastos.

 

O Concello do Grove aprobará oficialmente a vindeira semana o calendario anual de apertura da praza de abastos. Trátase da primeira vez que se conta con este plan de actividade e pretende dar resposta aos problemas que xurdían no relativo á apertura ou peche en datas festivas, que xeralmente era decidido uns días antes destes.

 

Logo dun amplo debate ao respecto, os vendedores e vendedoras presentes na reunión que tivo lugar na tarde de onte na Sala das Cunchas acordaron o peche en todos os festivos agás o Xoves e Venres Santo (13 e 14 de abril), o 15 de agosto e o 8 de decembro. Deste xeito, a praza de abastos permanecerá pechada nos festivos oficiais locais, autonómicos e nacionais (1 de marzo, 1 e 17 de maio, 17 e 25 de xullo, 12 de outubro, 1 de novembro e 6 e 25 de decembro).

 

Logo de aprobar o calendario será divulgado para que as usuarias e usuarios do mercado poidan coñecer con antelación as aperturas e peches previstos. Posteriormente, en relación a este mesmo calendario, tamén se informará aos postos do mercado ambulante semanal das previsións de actividade para o 2017. Segundo as estimacións municipais –pendentes de consenso cos concesionarios dos postos– o mercado poderá desenvolverse todos os venres de 2017, sendo preciso o cambio de localización tan só dous días (coincidindo coa Festa do Marisco).

 

No relativo ás subvencións acadadas durante 2016 para o mercado, tamén se informou da posta en marcha dunha acción complementaria ao relativo a mellora da imaxe coa colocación de dez grandes paneis na zona superior do edificio con imaxes antigas relacionadas coa actividade do mercado e extraídas dos arquivos municipais.

 

Espazos de emprendemento

 

Durante a reunión de onte tamén se informou polo miúdo das bases previstas para a adxudicación dos Espazos de Emprendemento e que se deberán aprobar nos vindeiros días. Logo de informar os vendedores e vendedoras que xa exercen a súa actividade nese mesmo espazo, farase o mesmo coa Mesa Local de Comercio e os grupos da oposición. Os seis novos Espazos de Emprendemento pretenden servir para poñer en marcha novas iniciativas comerciais que apcheguen unha saída laboral de interese ao tempo que buscan contribuír á dinamización do mercado municipal.