A Gran Marcha do Entroido celebrarase o vindeiro 11 de marzo
Fecha: 2017-03-02
Mantéñense os horarios e o percorrido. A Sardiña prolonga a súa vida unha semana máis.
Concello do Grove aprazou a Gran Marcha do Entroido Meco do martes por mor das malas previsións metereolóxicas. Deste xeito o tradicional desfile pasará a celebrarse o vindeiro sábado 11 de marzo no horario habitual e no percorrido establecido polas principais rúas do Grove. Deste xeito quérese evitar que o espectacular ambiente e colorido que habitualmente ocupan o “Sambódromo” meco queden deslucidos polo mal tempo.
A modificación do desfile implica tamén que se modifique o Enterro da Raíña Sardiña. Neste caso, este realizarase o mesmo sábado 11 logo do desfile do Entroido e antes das entrega dos premios. Este evento terá lugar na Praza do Corgo.
Continuamos co Entroido
O aprazamento do desfile non frea o Entroido Meco. Mantense o programa do xoves e estase organizando algunha actividade para o venres en substitución da queima da sardiña. Tamén se mantén a fin de semana de comparsas en San Vicente, organizada pola Asociación Roza do Pedrol, e o concurso de mascotas do domingo.