Continúan a bo ritmo as obras de acondicionamento do Porto de Meloxo
Fecha: 2017-03-10
O alcalde e a concelleira de Obras visitaron onte pola mañá a zona para realizar un seguimento dos traballos.
A vindeira semana realizarase unha charla informativa para a veciñanza.
O alcalde, Jose Cacabelos, e a concelleira de Obras e Servizos, Ángeles Domínguez, visitaron esta mañá as obras de acondicionamento do Porto de Meloxo. Deste xeito puideron comprobar a súa evolución así como propoñer algunha mellora. Entre as melloras propostas contémplase a construción de sendas peonís no parque que melloren a accesibilidade e aumenten a seguridade viaria, afastando o paso dos peóns da rúa.
As medidas de seguridade para a zona van ser complementadas coa construción de lombos que se colocarán no paso de peóns principal fronte ao parque e no tramo de estrada que conecta o parque co porto, para procurar unha función disuasoria que evite o exceso de velocidade nesa zona. O Goberno local entende que estas accións mellorarán a seguridade viaria dunha das áreas máis transitadas da vila —debido aos movementos de tráfico pesado— mellorando ademais a accesibilidade.
Charla informativa
Durante a visita tamén se tomou contacto cos veciños e veciñas do barrio que solicitaron o cambio de mobiliario, a incorporación de biosaudables, así como a posibilidade de contar con algún equipamento que permita a práctica deportiva na zona. Estas propostas e cambios serán explicados nunha charla informativa que terá lugar o vindeiro luns ás 20.30 horas no Local da Asociación de Veciños do Porto de Meloxo.