Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Lucinda García Bea e Amegrove Premios Meca 2017

Fecha: 2017-03-10

A entrega terá lugar o vindeiro domingo, 12 de marzo ás 19.00 horas na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey.

 

O Consello Local de Igualdade outorgou esta semana os Premios Meca 2017. Estes galardóns recoñecen a traxectoria dunha persoa e unha entidade que co seu traballo profesional e individual teñan contribuído á mellora do papel da muller na sociedade en termos de igualdade. A entrega destes premios coincide coa celebración o 8 marzo e o amplo programa de actividades que o Concello do Grove ten deseñado para os meses de marzo e abril con obradoiros, proxeccións, conferencias e actividades divulgativas dirixidas a distintos públicos.

 

O Consello Local de igualdade decidiu que no ano 2017 os premios foran outorgados a Lucinda García, primeira comadroa do Grove, como premio individual, e a Cooperativa Amegrove, como premio colectivo.

 

Lucinda García Bea

 

Lucinda García Bea recibe o Premio Meca 2017 polo seu labor como comadroa e practicante de cirurxía e medicina no Grove, sendo a primeira muller da vila en exercer esta labor. Con 17 anos comezou a súa carreira na Escola de Enfermería da Universidade de Santiago de Compostela e regresou ao Grove tres anos despois cos seus títulos de comadroa e practicante e a pesar de que xurdiron numerosas oportunidades de ocupar praza noutras localidades, Lucinda García considera que o seu sitio está no Grove. Decide entón habilitar unha modesta clínica na súa propia casa onde atendía mulleres que precisaban asistencia para o parto o non contaban con seguro médico.

 

Logo de atender durante anos na súa consulta e asistir a nacemento de centos de mecos e mecas cando O Grove contou coa asistencia médica no “Pósito”, consegue praza como practicante e deixa a súa actividade como matrona. Máis tarde, ábrese o centro de saúde do Grove e Lucinda García formará parte do seu persoal ata a súa xubilación. O recoñecemento é, polo tanto, fundamental para deixar constancia do importante papel desta muller no contexto O Grove. 

 

Amegrove

 

A Cooperativa Amegrove foi premiada en recoñecemento das mulleres que están traballando no mar e, máis concretamente, nas bateas. Pouco a pouco van ocupando postos que ata non hai moito resultaban case exclusivamente masculinos, xa que neste sector non só son operarias traballando na batea, senón que se teñen ocupado de patronear os barcos e, o que é máis importante, de dirixir as súas empresas.

 

Deste xeito a Cooperativa Amegrove, unha das máis antigas de Galicia, resulta fundamental como contexto no que se están desenvolvemento o crecemento da presenza das mulleres no sector do mar e constitúe, xa que logo, un lugar en que nos vindeiros anos se poderán conseguir grandes logros.