O Concello do Grove recibe a cualificación de ‘excelente’ en todas as zonas de baño das súas praias
Fecha: 2017-05-02
O Grove mantén a boa calidade das súas augas ano tras ano.
O Concello do Grove obtén a cualificación de “excelente” (máxima nota) na totalidade das súas zonas de baño na Clasificación Sanitaria das Zonas de Baño do Censo Oficial de Galicia 2016, vixente para o verán 2017 e publicada pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.
Os 21 areais censados no municipio como zona de baño conseguen manter a boa calidade das súas augas ano tras ano. Deste xeito, esta cualificación volve a poñer en valor os esforzos realizados a nivel municipal para manter un alto nivel de calidade nas praias. Realízase, polo tanto, unha valoración moi positiva deste resultado, xa que confirma que as augas que bañan os diferentes areais do municipio seguen as condicións óptimas.
Lembramos que entre estes areais se atopan algúns protexidos pola Rede de Natura (A Mexilloeira, Con Negro e A Lanzada), o que incide no valor engadido da península do Grove para os visitantes interesados na natureza e o medio ambiente.