O Concello do Grove abre o prazo para o Campamento Deportivo de Verán
Fecha: 2017-06-01
O período de inscrición é do 1 ao 16 de xuño e a entrega da documentación realizarase no Edificio Administrativo.
Onte pola mañá a Sala das Cunchas da Casa do Concello do Grove acolleu a presentación do Campamento Deportivo de Verán de 2017. Nesta presentación, na que estivo presente o concelleiro de Deportes, a técnica de Deportes e os representantes da Asociación de Deporte Meco, presentáronse as actividades e as novidades que o campamento terá este ano.
Este campamento ofrece unha ampla variedade de actividades deportivas para os nenos e nenas, tales como balonmán, fútbol, baloncesto, hípica, piragüismo, remo, vóleibol, tiro con arco, golf, xogos populares, deportes alternativos e rutas na natureza. As actividades están destinadas a nenos e nenas nados entre 2003 e 2009.
O Campamento Deportivo deste ano oferta diferentes modalidades para adecuarse ás necesidades de cada familia. Os cativos poden asistir de luns a venres todos os días e durante todo o verán, ir so tres días a semana en xullo e agosto ou por quincenas. A primeira modalidade de asistencia ten un custo de 65 €/mes, a segunda de 45 €/mes e a terceira 45 €/quincena. No custo do campamento vai incluído equipamento (camisetas e uniforme).
As actividades deportivas serán impartidas por un equipo de traballo con monitores especializados nas diferentes modalidades e que proceden dos distintos clubs deportivos da localidade. Para unha mellor organización, os rapaces e rapazas dividiranse en grupos de 20 a 25 e desenvolverán as actividades en todas as instalacións deportivas municipais e de clubs locais. A boa acollida do ano pasado fai prever que se cubrirán todas as prazas.
Cartel e folleto de inscrición>