Intensa actividade cultural no Grove para a ponte do Día de Galicia
Fecha: 2017-07-24
Durante toda a pasada fin de semana e esta semana haberá actividades diarias.
A actividade lúdica e cultural continua a ser intensa no Grove e máis nesta ponte festiva. O venres pasado ás sete da tarde quedou inaugurada a exposición “Mostra-arte” composta por traballos dos membros do colectivo Artegrove. A mostra estará dispoñible na Sala das Cunchas e Sala das Dornas ata o vindeiro 15 de agosto. A noite do venres rematou co concerto do grupo Antalia. Tratouse do proxecto musical da letrista e Cantante María Costa que chegou ao Grove logo da súa participación no “Atlantic Fest” e dun longo percorrido musical. Antilia representaron a mestura do son tradicional galego co pop e o jazz. Todo iso adornado coa voz de María Costas (actriz en ‘Casa Manola’ - TVG) e unha instrumentación suave.
Xa o sábado a asociación cultural Paradanda-Mecos achegou ao Corgo a súa XV Noite Cultural. Ademais do folclore galego no que está especializado esta agrupación, ofreceuse a actuación dun grupo convidado de Portugal, concretamente “As Ceiferinhas do Vale Mesio”. O domingo tomou o relevo no escenario do Corgo a agrupación cultural “Os Firrás”, que ofreceron unha “noite de boleros” cun amplo repertorio de temas ben coñecidos.
Na véspera do festivo, o luns ás 20.30 h, será a Coral da Confraría de Pescadores de San Martiño a que presente o IV Memorial Loli Cabanelas de Corais. Tanto este grupo como o Coro Infantil farán soar a “Música do Mundo”. A actuación realizarase baixo a dirección de Josefa Dorado.
O Día Nacional de Galicia celebrarse co habitual acto institucional ás 12.00 horas na Praza do Corgo. Este ano contamos coa actuación do dúo “Palabras Ruíns”, composto pola escritora Iolanda Zúñiga e o guitarrista Pelu Vidal. A Coral da Confraría de Pescadores de San Martiño será a encargada de cantar o himno. Xa pola noite, o programa Cultura no Camiño trae ata O Grove o novo espectáculo do Mago Teto, que comezará ás 22.00 horas na mesma Praza do Corgo.