Os servizos de Emerxencias do Grove retiran corenta niños de avespa velutina
Fecha: 2017-08-07
Esta cifra supera os trinta retirados ao logo de todo o ano 2016.
O Servizo de Emerxencias Municipal do Grove segue cos seus traballos de retirada e seguimento dos posibles niños de avespa velutina que aparecen no Concello. O último deles o pasado mércores cando se retirou un na avenida Tenente Domínguez (remitimos imaxes desta intervención). Deste xeito, desde o pasado 4 de marzo son xa corenta os niños retirados, dos cales 33 foron primarios e 7 secundarios. Esta cifras supera os trinta retirados na totalidade do ano 2016.
O protocolo de actuación do Servizo de Emerxencias indica que os niños sexan retirados no mesmo día do aviso, a excepción de que estea conformado por completo, caso no que se agarda un par de días para comprobar que a raíña segue dentro. Os últimos retirados amosan un tamaño considerable (aproximadamente coma un balón de baloncesto) e estase traballando mediante un produto químico que inhibe a feromona; o dito produto é inxectado mediante unha pértega e o niño é retirado tres días despois. Unha vez retirados, os niños de pequeno tamaño son destruídos, mentres que os grandes son conxelados.
Desde o Concello do Grove agradécese a colaboración cidadá con este problema, xa que os avisos da veciñanza están resultando fundamentais para intervir adecuadamente.