A praia da Lanzada pon en marcha o programa de pulseiras identificadoras
Fecha: 2017-08-17
Poderán solicitarse nos postos de vixilancia da praia.
No día de onte o alcalde do Grove e a concelleira de Turismo presentaron na praia da Lanzada un programa de pulseiras identificadoras que pretende mellorar o servizo de atención aos visitantes deste areal. O programa está pensando para menores ou persoas de avanzada idade, de tal xeito que poidan dispoñer dunha pulseira coa identificación e o contacto que facilitaría a localización familias no caso de que se extraviasen na praia. Este servizo xa foi posto en marcha con éxito noutros areais de Galicia e atende unha problemática común que, sen ser grave, adoita supoñer tempo e recursos para poder solucionarse.
Deste xeito, e tendo en conta que a praia da Lanzada pode acoller ata 8.000 persoas ao día, aqueles bañistas que acudan ao areal poderán dirixirse aos postos de socorrismo para solicitar unha das pulseiras (somerxibles e con peche de seguridade) onde se indica o contacto de referencia. No caso de que os cativos se perdan de vista, será moito máis sinxelo para os servizos de vixilancia localizar os responsables, ao igual que sucede con persoas maiores que poidan perder a súa correcta situación no areal.
Inda que o servizo se pon en marcha coa temporada estival moi avanzada, pretende ser unha iniciativa que perdure no tempo e complementa os servizos desta praia, o que a converte nunha referencia en Galicia en canto a atención aos usuarios. A Lanzada é hoxe en día un exemplo de xestión medioambiental e de seguridade, feito que se ten constatado ao longo de todo este verán a través da gran presenza de visitantes no areal e a ausencia de incidencias nel.