Os Xoves Musicais chegan á súa recta final con La pistola del Manco
Fecha: 2017-08-17
A edición deste verán caracterizouse por un claro éxito de público e unha moi boa acollida das variadas propostas musicais.
Os Xoves Musicais do verán de 2017 chegan á súa recta final cos seus dous últimos concertos. Este xoves é o grupo La Pistola del Manco quen se achega á praza do Corgo nunha cita tradicional do verán meco. Os cinco concertos anteriores gozaron dunha enorme afluencia de público que encheu as máis de 200 cadeiras dispostas para este evento e que sumou o gran número de persoas que estiveron de pé.
Para esta ocasión o grupo La Pistola del Manco, formado por “tres amigos aos que une a paixón pola música”, achegará ao Grove versións dos anos 80 e actuais feitas cun toque especial de rumba. O conxunto está formado por dúas guitarras e percusión, e actuará a partir das 21.00 horas. A vindeira semana, o broche de ouro para esta edición virá da man do grupo local Cinco en Zocas que no seu curto percorrido ten colleitado notable éxito polo seu bo facer e calidade.
Xoves musicais do verán 2017
Lembramos que durante o mes de xullo e agosto os xoves musicais tiveron lugar na praza do Corgo no horario habitual. O primeiro grupo en participar foi A Doce Vita “Son de Cine”, coa voz de Vita Ivaskevica, quen engaiolou o público coas súas versións. A música de fusión cubana da man de Reyner Aldana foi outra marca de calidade nos xoves musicais mecos, e tamén nesas mesturas se situaron os grovenses Fla-Meco, que fixeron as delicias de veciños e visitantes con flamenco “feito no Grove”.
A cantautora galega Sheila Patricia presentou unha curiosa mestura de pop, folk e boleros pechando xullo con moi bo sabor de boca. Xa iniciando agosto, os Amigos da Acordeón das Rías Baixas volveron a colleitar un novo éxito na praza do Corgo, sendo xa uns clásicos das citas musicais do Grove. Chegan así ás dúas últimas citas con La Pistola del Manco e Cinco en Zocas, ás que temos que sumar os concertos que noutras datas tamén soaron no Corgo, como o de Antilia, Samuel Leví y los Niños Perdidos ou Najla Shami, convertendo ao Grove na referencia da actividade cultural do Salnés este verán.