O Concello do Grove reclama oficialmente a desafección da escola do Monte da Vila e da 'casa dos mestres'
Fecha: 2017-09-13
Agárdase que a Consellería de Educación reverta estes edificios ao Concello o antes posible.
A Xunta de Goberno Local que tivo lugar hoxe aprobou a solicitude formal da desafectación da denominada “casa dos mestres” situada no colexio Rosalía de Castro e da escola infantil do Monte da Vila, logo de que se confirmase que este ano non contará co servizo de escola. A desafectación é solicitada despois de que as valoracións técnicas avalasen esta posibilidade e de que a Xunta de Galicia confirmase esta posibilidade. Agora ten que ser o ente autonómico o que confirme este extremo e desde o Goberno local agárdase que se remita a resposta o antes posible.
Desde o Concello do Grove considérase que a recuperación destes inmobles pode resultar beneficiosa para todos os veciños e veciñas ao contarse con novos terreos para uso público que poderán ser empregados para darlles cabida a algún dos múltiples proxectos que xa teñen posto en marcha. Debe terse en conta que, no caso concreto da “casa dos mestres”, o inmoble se atopa en mal estado, polo que a súa recuperación definitiva, unha vez concedida a desafectación, pode resultar longa e custosa. Por outra banda, tamén son necesarias melloras no edificio da escola infantil do Monte da Vila, cuxo mantemento estaba sendo bastante custoso nos últimos anos.
O Concello do Grove xa leva varios meses traballando desde o punto de vista técnico para valorar os posibles usos destes espazos, así como os trámites necesarios para a súa xestión. En calquera caso, todos os pasos quedan pendentes de que a Xunta de Galicia determine a propiedade destes a favor do Concello.