Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Centro de Día do Grove, pendente da aprobación da Xunta de Galicia

Fecha: 2017-09-14

Os traballos de xestión que tiveron que refacer todos os trámites eliminados polo anterior goberno culminaron este luns co último informe requirido polo ente autonómico.

 

A Xunta de Goberno Local celebrada o martes rematou o último dos trámites requiridos pola Administración autonómica para a aprobación do Plan Especial do Centro de Día e Centro de Saúde nos terreos das Touzas. Lembramos que o referido Plan fora elaborado hai xa seis anos pero fora botado abaixo polo anterior goberno alegando “defectos de forma” entre os que se atopaban o non axuste deste ao Plan de Ordenación do Litoral e outra serie de consideracións.

 

Este feito supuxo un  atraso de varios anos no proxecto, de tal xeito que se tivo que elaborar o proxecto do Plan Especial desde o primeiro paso. Neste período téñense feito informes urbanísticos diversos e mantivéronse continuos contactos coa Xunta de Galicia que é o ente que ten que validar definitivamente os terreos para que o Concello poida poñer en marcha a construción do Centro de Día. O último dos documentos requiridos hai uns meses foi o denominado “Informe de impacto medioambiental”, que tras ser elaborado polo equipo técnico foi validado pola Xunta de Goberno Local.

 

A partir da remisión deste informe a Santiago, a Xunta de Galicia dispón dun prazo máximo de dous meses para aprobar definitivamente o Plan. Será nese momento cando poidan poñerse en marcha os trámites municipais para a construción do Centro de Día ao tempo que se poderán poñer á disposición da Xunta de Galicia (de novo) os terreos para que constrúa o necesario Centro de Saúde. Desde o Concello do Grove agárdase unha rápida resposta da Xunta para non seguir demorando por cuestións administrativas unha infraestrutura tan necesaria.