O Concello do Grove pon en marcha un obradoiro de estimulación cognitiva en colaboración con 'Anduriña'
Fecha: 2017-10-25
O obradoiro desenvolverase en horario de mañá entre os meses de outubro e xuño.
Baixo o título “Espreguiza a túa mente” o Concello do Grove acaba de poñer en marcha un obradoiro de estimulación cognitiva que ten como finalidade fomentar a creación dun espazo de estimulación, aprendizaxe e integración que posibilite mellorar a memoria e manter a mente áxil. O obradoiro, que está destinado a persoas maiores ou discapacitadas sen trastornos cognitivos ou con deterioración cognitiva leve, lévase ao cabo grazas á colaboración da Asociación Anduriña, coa que o Concello ten asinado un convenio.
Deste xeito as sesións desenvolveranse no local desta asociación en horario de 9.00 a 14.00 horas de luns a venres. As persoas inscritas realizarán dúas sesións semanais de hora e media de duración dentro desa franxa horaria. As inscricións recolleranse no Centro de Información ás Mulleres e no departamento de Servizos Sociais do Concello, sendo os servizos municipais os que establecerán grupos homoxéneos de traballo, buscando a integración das persoas que participen. A actividade é gratuíta inda que ten prazas limitadas (20) establecéndose unha lista de agarda no caso de que existira maior demanda.
No obradoiro, no que tamén participa o Servizo de Normalización Lingüística municipal, desenvolveranse técnicas e exercicios de memoria, exercicios de estimulación e mantemento cognitivo, técnicas de expresión oral (xogos de voz, xogos de audición) e actividades relacionadas co saber cultural, as tradicións e a lingua. Ademais disto desenvolveranse traballos manuais, técnicas de relaxación etc.