Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Portos acometerá a vindeira semana o acondicionamento da rúa dos Irmáns Otero Goday

Fecha: 2017-11-10

Trátase dunha das reclamacións realizadas polo Concello do Grove perante o ente autonómico, tal e como lle trasladou o alcalde do Grove na reunión mantida na Consellería.

 

O persoal técnico de Portos informou esta semana que o vindeiro luns comezarán as obras de acondicionamento da rúa Irmáns Otero Goday. Trátase dunha das actuacións máis demandadas polos veciños e veciñas do Grove dentro das competencias deste ente e o propio alcalde do Grove trasladoulle esa necesidade á conselleira de Mar na reunión mantida hai xa varios meses. A actuación consistirá na creación dunha beirarrúa á beira do mar, buscando a mellora a seguridade viaria na zona. Tamén se realizarán melloras na escollera na zona denominada Con das Señoritas, inda que non se acometerá a zona completa, senón unha pequena parte.

 

Desde o Concello do Grove valórase positivamente esta actuación, pero non se perde de vista que Portos aínda conta cunha longa lista de débedas co Grove e coa súa veciñanza, polo que é preciso que se poña en marcha o antes posible para evitar a continua deterioración das consideradas “zonas portuarias” (como, por exemplo, a praza do Corgo). Sexa como for, agárdase que estas obras se desenvolvan con normalidade e teñan como resultado a necesaria mellora da zona.