O Concello do Grove pecha o ano do lector cunha actividade interxeneracional de animación á lectura
Fecha: 2017-12-14
O grupo de mulleres participantes no Taller de Lectura Municipal serán as protagonistas desta actividade o vindeiro venres.
O Concello do Grove pecha as actividades de animación á lectura do ano 2017 cunha proposta interxeneracional que pretende incidir no aproveitamento do patrimonio cultural oral da vila. Trátase dunha sesión de contacontos que correrá a cargo das mulleres que, ao longo do ano, participan no taller de lectura que se desenvolve na Biblioteca Municipal do Grove. Un grupo de mulleres das que participan neste taller reunirase o vindeiro venres cos nenos e nenas que participan nos obradoiros “Coñecendo e gozando a biblioteca” para contarlles historias, lendas e contos da súa época.
Con esta actividade preténdese converter a biblioteca nun espazo de encontro entre os cativos e os maiores, favorecendo a interacción, a cooperación e o intercambio de vivencias e experiencias, así como achegarlle á xente máis nova os contos e lendas da nosa tradición oral.
As actividades terán lugar o venres 15 de decembro, a partir das 16.30 horas, no Recuncho da Lectura da Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey e as colaboradoras serán Lourdes Marina Serrano, Manuela Caneda Meis, María Digna González e María Concepción Romay Pérez.