O Grove e Sanxenxo solicitarán conxuntamente unha axuda para converterse en destino turístico intelixente
Fecha: 2018-01-19
Os alcaldes do Grove e Sanxenxo reuníronse esta mañá en Fitur con Enrique Martínez Marín, vogal asesor do secretario de Estado do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital para falar sobre a convocatoria de axudas de Segittur (Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas).
A convocatoria de axudas que se publicou no BOE o pasado mes de novembro, destina ata 60 M€ para as cidades de España que queiran converterse en destino turístico intelixente. Para poder presentarse unha cidade ten que superar os 20.000 habitantes. É por iso que O Grove e Sanxenxo decidiron facelo conxuntamente, xa que por separado non alcanzan esa cifra, pero xuntos suman 28.000 habitantes.
Ademais da suma de poboación, Sanxenxo e O Grove cumpren, conxuntamente, indicadores da orde de axudas, como seren os dous únicos puntos turísticos clasificados como tales polo INE na zona e por compartir territorio conexo e similitudes na xestión como destino.
Cabe lembrar que hai 17 anos O Grove e Sanxenxo xa compartiron con grande éxito un Plan de Excelencia Turística, que permitiu que ambos os concellos desen un salto de calidade. A idea é buscar agora a fórmula para presentarse conxuntamente a esta convocatoria.
Converterse nun destino turístico intelixente supón o establecemento dunha estratexia de revalorización que vai permitir a mellora da competitividade, un maior aproveitamento dos atractivos naturais e culturais, a creación doutros recursos innovadores e o establecemento dunha relación co visitante máis eficiente e interactiva.