O Consello Local de Igualdade inicia os traballos para a programación de actividades do 8 de marzo
Fecha: 2018-01-25
O Consello reuniuse o luns para valorar posibles propostas e analizar un plan de acción.
O Consello Local de Igualdade (CLI) reunido na tarde do luns analizou varias propostas de actividades de cara á conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora. Entre as iniciativas valoradas estaban os cursos de formación en violencia e en temas de muller para o profesorado –seguindo o xa iniciado o 25N– e tamén cursos de formación sobre violencia de xénero para os membros do CLI. Nesta mesma reunión abordouse a necesidade de realizar unha avaliación do Plan de Igualdade que remata neste 2018 para poder establecer propostas de mellora.
No referido ao 8 de marzo, unha das actividades xa confirmadas é o concurso de fotografía que se celebra desde hai xa varios anos, con temática vinculada á muller traballadora. Como novidade, para esta convocatoria aceptaranse imaxes presentadas tanto en formato papel como en soporte dixital. O prazo abrirase nos vindeiros días, logo de publicar as correspondentes bases, e poderán presentarse propostas ata 23 de febreiro.
O Consello Local de Igualdade volverá a reunirse o 1 de marzo para pechar as actividades pendentes. Tamén se confirma que a gala dos Premios Meca terá lugar o sábado 10 de marzo ás 19.00 horas na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey.