O Concello do Grove outorga os Premios Meca 2018
Fecha: 2018-03-05
O Consello Local de Igualdade, reunido na tarde de onte concede os premios á Comparsa “As Plus” e a Mariví Escalante, presidenta da sección local da Asociación Contra o Cancro.
O Consello Local de Igualdade outorgou onte por unanimidade os dous Premios Meca do ano 2018. Como vén sendo habitual concédese un premio a un colectivo e outro a unha persoa individual que cumpran co criterio de ter contribuído na loita pola igualdade e á reivindicación dos dereitos das mulleres en calquera faceta da sociedade.
Este ano as premiadas son a primeira comparsa integramente conformado por mulleres do Grove, “As Plus”, e a presidenta da sección local da AECC, Mariví Escalante. O premio será entregado durante unha Gala que se celebrará o vindeiro 10 de marzo ás 19.00 horas na Casa da Cultural Manuel Lueiro Rey.
As Plus
A comparsa As Plus, dirixida por Elena Chaves, cumpriu este Entroido 25 anos desde que saíu por primeira vez á rúa. Trátase da primeira comparsa conformada integramente por mulleres que existiu no Grove, localidade cunha ampla tradición nestas festas e na que consta a existencia de comparsas desde o ano 1920. As Plus foron iniciadas por ao redor de trinta rapazas da localidade e na actualidade xa son más de setenta e cinco, coa particularidade de que absolutamente todos os procesos relacionados coa posta en escena da comparsa son realizados por mulleres: letras, música, vestiario, instrumentación, decorados…
A comparsa xurdiu por iniciativa de Elena Chaves, a quen se lle fai un especial recoñecemento pola iniciativa, no ano 1993. Elena e outras rapazas manifestaban así a súa desconformidade porque a maioría das agrupacións existentes nese momento eran integramente masculinas e non aceptaban a incorporación de mulleres. En anos anteriores as mulleres participaban nas comparsas, pero nunca organizaran unha soas, contando con papeis moi específicos como voces ou incluso como “abandeiradas”, portando as tradicionais bandeiras que identifican ás distintas agrupacións.
A agrupación inicial formouse con rapazas de entre 14 e 16 anos que subiron ao escenario do Monte da Vila disfrazadas de “romanas” con pouca experiencia pero con moitas ganas, quedando nunha espectacular segunda posición do Festival de Comparsas. Desde aquelas datas As Plus estiveron presentes de xeito continuado nos entroidos da localidade e cóntanse por centos as mulleres da vila que pasaron polas súas filas nalgún momento.
Entre os méritos desta agrupación non só se atopa o da integración da muller na actividade cultural e na vida social da vila, senón o ter incentivado o desenvolvemento das rapazas na práctica da música e da canción, ao tempo que fomentan o traballo colaborativo e rompen prexuízos asentados como a incapacidade de traballo en grupo das mulleres.
Mariví Escalante
O Consello Local de Igualdade outórgalle o premio individual a Mariví Escalante polo seu especial papel no traballo asociativo vinculado coa acción social. Cumprindo dez anos como presidenta da Xunta Local do Grove da Asociación Española contra o Cancro, e sendo unha das impulsoras fundamentais desta, ten conseguido asentar esta asociación como unha entidade de participación social fundamental no Grove.
Mariví Escalante ten recibido a V de vida da AECC pola súa traxectoria e compromiso na loita contra o cancro. Dirixindo un importante equipo de homes e mulleres comprometidos con esta causa, ten conseguido asentar un servizo de atención ás persoas que teñen que enfrontarse a esta terrible enfermidade. Ademais de exercer un importante papel na información, mediante un amplo programa de charlas informativas, ten consolidado a carreira contra o cancro ou festas e eventos que conseguen recadar fondos e, sobre todo, concienciar sobre esta problemática.
Debe destacarse que Mariví Escalante recibe o Premio Meca polo seu papel como muller traballadora a prol da sociedade ao longo de moitos anos, pero tamén por defender, a través do seu traballo, a loita pola muller a todos os niveis, con especial consideración por aquelas que se ven afectadas polo cancro que, a día de hoxe e segundo todos os datos, seguen a precisar un maior apoio e protección que no caso dos homes. Os cancros que afectan máis ás mulleres atacan unha parte delas que as sitúa nunha situación socialmente moi complexa e o papel que ten deseñado Mariví Escalante e a asociación da que forma parte supoñen un apoio fundamental para mellorar e superar esta lacra.