O Concello do Grove acollerá en agosto o DepoDesafío Travesía
Fecha: 2018-05-08
A proba organizada pola Deputación de Pontevedra dentro do programa deportivo Depo Desafío.
A Deputación de Pontevedra acolleu onte a presentación dun novo programa deportivo organizado polo ente provincial. Nesta ocasión trátase dun novo formato de probas deportivas que continúa co desenvolvemento do seu plan estratéxico e que combina a carreira, a bicicleta e a natación nun ciclo de cinco probas. As actividades están dirixidas a persoas maiores de 18 anos que queira experimentar novos desafíos e celebraranse en Tomiño, O Rosal, A Guarda, A Cañiza, Cerdedo, Cotobade, Vigo e O Grove.
As inscricións quedaron abertas no día de hoxe ás 9.00 horas a través da páxina web da Deputación establecéndose dúas categorías: “Desafío”, se se realizan as cinco probas, ou “Individual”, se só se quere concorrer a unha delas.
No caso concreto do Grove, o DepoDesafío travesía celebrarase o 12 de agosto a partir das 11.30 horas da mañá. Trátase dunha proba de natación que sairá do porto do Grove e que percorrerá 1.200 metros. Para participar só se require traxe de baño ou de neopreno, xa que o gorro de natación será facilitado pola organización. Os gañadores (tres primeiros clasificados) desta proba, como en todas as celebradas nas outras localidades, recibirán un trofeo tanto en categoría feminina como en masculina, pero debemos incidir en que o gañador do Desafío (cinco probas) conseguirá unha praza para participar no maratón de Berlín, premio que inclúe voo e aloxamento para el, ela e os seus acompañantes.
Dende a Deputación de Pontevedra tamén se lembra que existe a posibilidade de participar na organización destas probas nas distintas localidades mediante o voluntariado. As persoas interesadas en formar parte da experiencia tan só teñen que inscribirse no Servizo de Deportes da Deputación de Pontevedra