O Concello do Grove corrixe os prezos das pistas de pádel
Fecha: 2018-05-08
A reclamación realizada por un dos grupos políticos do Concello implica a non aplicación da ordenanza específica e modificar a tarifa aplicando a xenérica que eleva o custo a 15 euros.
O Concello do Grove tiña posto en marcha a aplicación da ordenanza fiscal relativa aos prezos das pistas de pádel municipal tras a súa aprobación inicial no Pleno da corporación. Tras unha reclamación presentada polo grupo político Esquerda Unida, púxose en marcha unha revisión desta aplicación por parte dos técnicos municipais, concluíndo que non era aconsellable a súa posta en marcha ata a aprobación definitiva da ordenanza (que agora se atopa en período de exposición pública).
Para a corrección deste erro, procedeuse á inmediata modificación da aplicación que serve para realizar o pago e a reserva das correspondentes pistas, tendo que anular as reservas existentes, xa que debe aplicarse outra tarifa para a súa xestión. Deste xeito, os informes xurídicos e económicos indican que as pistas deberán xestionarse –ata a indicada aprobación definitiva– segundo a actual “Ordenanza reguladora da taxa pola utilización e aproveitamento especial das instalacións deportivas municipais” (BOP do 16 de outubro de 2012).
A referida modificación supón un incremento do prezo das pistas e a anulación dos bonos que se tiñan recollido ata agora. Deste xeito o prezo por hora das pistas pasa a ser de 10 euros, polo que as reservas habituais dunha hora e media pasan a ter un custo de 15 euros (tanto en horario de mañá como de tarde). Lembramos que a proposta para as pistas de pádel aprobada inicialmente en Pleno era de 10 euros por unha hora e media en horario de mañá e 12 polo mesmo tempo en horario de tarde.
A previsión é manter esta tarifa ata a aprobación final, que tería que ser dun mes desde a aprobación inicial, non obstante, o anuncio de Esquerda Unida de presentar unha alegación á proposta dilatará este proceso durante máis tempo.