Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Concello do Grove pon en marcha a Bolsa Ernesto Goday

Fecha: 2018-05-25

A iniciativa xorde dos traballos da Comisión Ernesto Goday e permitirá seguir avanzando na preservación da figura do importante artista do Grove.

 

O Concello do Grove acaba de poñer en marcha a primeira convocatoria da Bolsa Ernesto Goday. Trátase dunha iniciativa dirixida ao alumnado dos últimos cursos de Historia ou Historia da Arte pola cal o estudante seleccionado pasaría a ser bolseiro do Concello do Grove durante tres meses coa finalidade de avanzar nos traballos de localización, catalogación e divulgación da obra de Ernesto Goday. A bolsa atende á necesidade de afondar nos traballos xa iniciados pola Comisión Ernesto Goday (conformada por artistas locais e familia do pintor) para conseguir elaborar o catálogo máis completo posible da obra do artista así como afondar noutras iniciativas que contribúan á divulgación da súa figura.

 

A bolsa terá unha dotación de 3.000 euros para os tres meses e está pendente da publicación no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra logo da súa aprobación pola Xunta de Goberno Local. Unha vez realizada esta publicación os interesados ou interesadas contarán cun prazo de dez días para achegar a documentación requirida. Debe destacarse que a convocatoria desta bolsa é posible grazas ao programa de financiamento da Deputación de Pontevedra dentro da Liña de actividades do Plan Concellos, que permite que, xunto cos fondos propios do Concello do Grove, poidan aumentarse o dispoñible tanto para o premio de pintura como para o resto de actividades organizadas en torno a Goday.

 

Dende o Concello do Grove destácase que se trata dunha iniciativa nova e que agarda ter continuidade no tempo dotándoa do prestixio merecido, vinculado directamente coa importancia do pintor Ernesto Goday.