A Xunta de Galicia condena o Centro de Día do Grove a máis de dous anos de atraso
Fecha: 2018-06-26
A solicitude de informes a burocracia imposta están demorando un proxecto necesario e urxente dun xeito artificial e pouco colaborador.
O Concello do Grove leva xa máis de dous anos realizando trámites administrativos para a posta en marcha da construción do Centro de Día municipal. Logo de que o Partido Popular botara abaixo o proxecto na etapa anterior, foi necesario reiniciar o procedemento (PEI) para poder contar con todos os trámites necesarios para a construción deste equipamento. Debemos ter en conta que os fondos necesarios existen desde hai xa case oito anos, polo que o único freo polo que o Centro de Día non é unha realidade son os trámites burocráticos infinitos impostos pola Xunta de Galicia.
Precisamente tras o último informe remitido, co cal a Xunta contaba cun prazo de dous meses para respostar; uns días antes da finalización dese prazo foille remitido un novo requirimento de documentación ao Concello do Grove. Entre o solicitado están informes da Delegación de Goberno no relativo á subministración eléctrica e de hidrocarburos, un informe da confederación hidrográfica sobre as concas existentes no termo municipal (a pesar de que a Conferencia Hidrográfica Miño-Sil xa declarou que O Grove non estaba incluída nesta), informe da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior para valorar a necesidade de solicitar un informe á Comisión Galega de Protección Civil e incluso un informe en materia de Costas (lembramos que o centro de día está previsto nun terreo das Touzas).
Pero o feito que fai saltar todas as alarmas sobre a falta de colaboración institucional da Xunta de Galicia é o feito de que, unha vez máis, se solicite un informe sobre o Plan de Ordenación do Litoral (POL), que foi o argumento empregado polo Partido Popular para tombar o proxecto no seu mandado. O Concello do Grove conta con informes que declaran que o dito documento non é necesario e xa fora remitido á Xunta de Galicia.
Desde o Concello do Grove esíxese, unha vez máis, que a Xunta de Galicia teña en conta a necesidade e urxencia deste equipamento e realice a súa función de forma dinámica e colaboradora. Non pode empregarse a burocracia para frear proxectos por razóns políticas e debe primar a colaboración entre institucións, xa que se trata de lle dar un servizo á veciñanza do Grove. Con todo, o Concello xa avanzou nos informes solicitados, polo que se espera que esta sexa a última vez que se lle para o proxecto.