O Concello do Grove presenta o cartel dos Concertos do Marisco este venres en Santiago de Compostela
Fecha: 2018-08-09
Dentro dos actos de promoción da Festa do Marisco, organizouse un evento que incide no espectacular cartel musical do 2018.
A promoción da Festa do Marisco continúa ao máximo ritmo desde hai xa uns meses. Nesta ocasión os esforzos concéntranse na presentación do cartel musical da Festa. Desde hai xa tres anos o Concello do Grove está a realizar un importante esforzo para que a Festa do Marisco conte co seu propio Festival de música de alta calidade. As edicións anteriores teñen confirmado como o tirón do cartel musical, centrado en música nacional e internacional actual, permite ampliar o público que asiste á Festa ao tempo que contribúe a modernización da súa imaxe e á crear un programa amplo e diverso.
Outra das liñas de traballo que se vén desenvolvendo ten que ver coa celebración de eventos promocionais en distintos puntos de España e de Europa. Estas actividades permiten conseguir divulgación en medios de comunicación doutros puntos e a persoas de relevancia na xestión de turismo. Con este formato o vindeiro venres, 10 de agosto, terá lugar a presentación do cartel dos “Concertos do Marisco” na praza de abastos de Santiago de Compostela, un dos puntos máis visitados da cidade.
O evento contará coa presenza do alcalde do Grove e a concelleira de Turismo, que se encargarán de falar do Grove, da Festa e dos concertos. Presentarase o vídeo promocional do Grove e tamén o realizado cos artistas que forman parte do cartel musical. Seguindo o formato habitual haberá degustación de produto local da man do cociñeiro da Festa do Marisco, Paco Caneda, quen deseñou para a ocasión un menú específico de petiscos con zamburiña, mexillóns, polbo e berberechos.
A presentación incide no cartel musical, polo que estará acompañada coa música dun artista dos que forman parte deste. Nos vindeiros días continuarase con accións promocionais de cara á presentación do programa completo de actividades.