A Festa do Marisco 2018 terá a súa presentación nacional en Sevilla o 14 de setembro
Fecha: 2018-08-31
O Hotel Eurostars Torre de Sevilla acollerá a xa tradicional presentación en territorio español logo da realizada en Dublín en xuño.
O Concello do Grove realizará a presentación en Sevilla da Festa do Marisco nas vindeiras semanas. Como xa vén sendo habitual nos últimos tres anos, o Concello organiza unha presentación internacional e outra de carácter nacional dirixida a xornalistas, especialistas en turismo e prescritores que permite darlle unha maior proxección á Festa e promocionala en destinos especializados. Unha vez máis, o lugar escollido vincúlase coa existencia de conexións aéreas directas.
A presentación pode levarse a cabo grazas á colaboración da cadea Eurostars, que a través do seu centro da Illa da Toxa se ten convertido nun fundamental promotor da Festa do Marisco en España. O acto será o segundo destas características organizado en colaboración con Eurostars, logo do que se celebrou en Barcelona o pasado ano. O Concello do Grove está xa xestionando os convites para conseguir, unha vez máis, unha importante presenza e apoio no acto.