O Concello do Grove realiza unha nova mellora no equipamento da Rede de Bibliotecas
Fecha: 2018-10-26
Instaláronse novos módulos de estantes e material informático financiados con fondos propios e unha axuda da Consellería de Cultura.
O Grove, 26 de outubro de 2018. O Concello do Grove ven de poñer en marcha outra pequena mellora no equipamento da Rede de Bibliotecas municipal. A actuación levouse a cabo na aula xuvenil da biblioteca municipal do Grove co fin de mellorar este espazo e poder atender mellor as necesidades deste colectivo, creando un espazo onde se poida realizar traballo colaborativo e práctico. A sala xa contaba con algún mobiliario, resultando escaso e vello, polo que se adquiriron novos estantes modulares para substituír e cumprimenta os xa existentes, contando tamén con novas estanterías móbiles para material audiovisual.
Ademais do anterior, tamén resultaba necesario dotar as instalacións de equipamento informático axeitado e actualizado. Deste xeito adquiríronse novos portátiles e varias ampliacións de memoria para os equipos xa existentes, poñéndose os mesmos á disposición de usuarios e usuarias nos vindeiros días.
Nesta mesma liña tamén se está a traballar para, proximamente, poder ofrecer unha mellor velocidade no acceso a internet, ben mediante fibra ou tecnoloxía 4G, para as instalacións, buscando un mellor acceso á información e á cultural.
Lembramos que estas novas actuacións súmanse a outras xa realizadas como a creación dunha aula de formación con mobiliario axeitado e pizarra dixital ou a creación da sala de Fondo Local que xa conta cos fondos desta temática e de áreas específicas como historia, xeografía, Camiño de Santiago, etc.