O Concello do Grove expoñerá o PXOM na Sala das Dornas da Casa do Concello e na Casa da Cultura de San Vicente
Fecha: 2018-11-07
O Goberno tentará habilitar toda a información necesaria, especialmente para aquelas persoas que non poidan consultalo no sistema dixital.
O Concello do Grove está preparando a Sala das Dornas do edificio da Casa do Concello para acoller a exposición do proxecto de PXOM de xeito material. Deste xeito, as persoas que non poidan informarse a través da plataforma dixital habilitada, poderán consultar o proxecto de xeito impreso e de forma directa. Este espazo acollerá a información relativa ao centro urbano, ademais de Ardia, Meloxo e Campos, mentres que a información relativa á zona rural estará dispoñible na Casa da Cultura de San Vicente. Ambos os espazos abrirán en horario de mañá e tamén se habilitarán horarios de tarde para garantir que todas as persoas interesadas poidan achegarse.
O Concello tamén reitera que aquelas asociacións e agrupacións de veciños que así o consideren poden solicitar unha copia impresa do PXOM para expoñer nos seus locais. Para iso tan só é necesario dirixirse ao Concello indicando o horario no que o local estará aberto e facilitarase o material impreso.