O Concello do Grove asina a cesión de terreos en Reboredo que permitirá contar cun novo local social nesa zona
Fecha: 2018-11-12
A construción realizarase con cargo aos fondos do préstito municipal dispoñible.
Os veciños e veciñas do Grove disporán dun novo local social na zona de Reboredo grazas á cesión realizada por unha familia da zona. Esta mesma mañá formalizouse a cesión do terreo sobre o que se porá en marcha a construción dun equipamento público consistente nun local social para atención ás persoas maiores. A dita infraestrutura permitirá complementar o servizo que a día de hoxe é realizado polo programa Vellos Tempos nas Valadas e que conta cunha notable demanda.
A construción do edificio será posible grazas á disposición de fondos do préstito que no seu día foi solicitado polo Concello para o Auditorio Escola de Música. Dese total, un millón e medio de euros foron cubertos pola Deputación de Pontevedra, o que permite contar con eses fondos para outras melloras e investimentos, entre os que se recolle a construción deste local social. A día de hoxe xa se está rematando a redacción do proxecto, polo que se agarda que a súa primeira fase poida completarse nos primeiros meses do ano 2019.
Desde o Concello do Grove valórase moi positivamente poder contar con este novo recurso, grazas á inestimable colaboración veciñal, sobre todo ao tratarse dunha infraestrutura cunha finalidade social tan importante e primordial para a veciñanza do Grove.