O Concello do Grove entrega este domingo o XXIV Premio Manuel Lueiro de Novela Curta nunha gala literaria e musical
Fecha: 2018-12-07
Celebrarase a partir das 19.30 horas na carpa institucional da praza do Corgo e será presentada pola poetisa Yolanda Castaño.
Contará con recitais de poesía a cargo do colectivo Letra Enxebre e as actuacións musicais de Clara Pino e Pablo Vidal.
O Concello do Grove organiza para este domingo unha gala na que se lle entregará o XXIV Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta a Diego Alfonsín pola súa obra Non o saben as estrelas.
O evento estará dirixido pola poeta galega Yolanda Castaño e contará coa presenza da familia de Lueiro Rey e a intervención dos membros do xurado e de Fran Alonso en representación da editorial Xerais, encargada da edición do Premio.
Con esta gala o Concello do Grove tamén quere destacar a importancia da creación literaria e musical en galego, con lecturas de poesía en galego a cargo de Queco Fresco e Rodrigo Paz, do colectivo poético Letra Enxebre.
Así mesmo, o acto estará amenizado pola música de Clara Pino e Pablo Vidal, que deleitarán o público con catro pezas musicadas con arpa, contrabaixo, acordeón, guitarra acústica e chelo.
Desde o Concello do Grove queremos convidar a toda a veciñanza a participar nesta velada na que se pon de manifesto a importancia da creación literaria e artística en galego.