Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Concello do Grove ofrece unha variada programación para que pequenos e maiores gocen do Nadal

Fecha: 2018-12-14

 

O Concello do Grove organizou para as vacacións de Nadal unha ampla e atractiva programación de actividades e actuacións para todas as idades, coa finalidade de que grandes e xente miúda gocen destas festas. Todas as concellerías xuntan esforzos e recursos para ofreceren un ambicioso calendario que mestura espectáculos de monicreques, maxia, proxeccións,  obradoiros, exposicións, fomento do galego e outras sorpresas para aproveitar ao máximo estas vacacións en familia.

 

Para promover a lectura e o uso do idioma entre infancia púxose en marcha a iniciativa “Carta aos Reis Magos”, para o cal se repartiu entre os centros educativos da vila un modelo de carta en galego deseñada e ilustrada polo grovense Anxo Rodríguez co fin de que a cativada se anime a pedir os seus agasallos na nosa lingua. As cartas pódenselles entregar aos carteiros reais ou depositalas na Caixa do Correo Real instalada na biblioteca municipal do Grove.

 

O venres 21 comezan as actividades cunha tarde en familia na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey. A partir das 18.00 horas entregaranse os premios do XX Concurso de Postais de Nadal e, a seguir, o público asistente gozará do espectáculo de monicreques A galiña azul, a cargo de Tanxarina Títeres. Unha fantástica función que acadou o premio FETEN ao mellor espectáculo de títeres 2018.

 

O 22 de decembro ás 12.00 h, na sala das Cunchas da Casa do Concello, terá lugar a inauguración da exposición e o acto de entrega do VI Premio do Concurso de Pintura Ernesto Goday. A exposición poderá ser visitada ata o 15 de xaneiro de 2019.

 

O mesmo sábado 22, a partir das 19.00 h, terá lugar no salón de actos da Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey a proxección da serie A partida, do grovense Lois Basallo, que conta coa participación de Claudia Basallo e Anxo Meis. A entrada é libre ata completar a capacidade.

 

Do 24 de decembro ao 7 de xaneiro desenvolveranse na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey os "Obradoiros de Nadal", un programa de actividades lúdicas cuxa finalidade é ofrecer unha alternativa lúdica para a conciliación familiar durante estas vacacións escolares.

 

O venres 28 a partir das 18:00 h na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey as familias poderán desfrutar dun novo espectáculo de maxia: Ledicias, a cargo do Mago Paco, que fará un percorrido polos seus mellores xogos de maxia para mergullar o público nun mundo fantástico, cheo de ilusión e bo humor. Nesta xornada entregaranse os premio ás mellores lectoras e lectores do ano.

 

Xa o sábado 29, ás 12.30 h, a Apalpadora visitará a rúa Castelao para repartir landras e ilusión, dentro da programación “Nadal en Galego” organizada pola Deputación de Pontevedra.

 

O domingo 30 vólvese a organizar a Carreira San Silvestre Escolar do Grove. A saída será a partir das 10.30 h na praza do Corgo.

 

A primeira actividade lúdica de 2019 desenvolverase o venres 4 de xaneiro ás 11.30 h e irá destinada á xente máis nova da casa, a rapazada de 1 a 7 anos. Baobab Teatro achegará ata a Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey o seu espectáculo Puño Puñete, con música en directo, cantigas, contos e tradición oral que chega á nosa vila a través da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia.

 

Cabalgatas e visita do Carteiro Real

 

Ademais de todo o anterior, tamén hai que sumar as cabalgatas de Papá do Nadal e dos Reis Magos, o 24 de decembro e o 5 de xaneiro, respectivamente, así como as visitas do Carteiro Real ás casas de cultura do Grove, o día 2 de xaneiro, e de San Vicente, o día 3 dese mesmo mes. A cabalgata de Papá do Nadal saíra ás 19.00 h desde a ponte da Illa da Toxa e percorrerá as rúas Castelao, da Praza, Beiramar, Luís Casais e Castelao. No caso da cabalgata dos Reis Magos, sairá ás 18.00 h desde o colexio Valle-Inclán e rematará na praza do Corgo, onde serán recibidas as Súas Maxestades de Oriente, quen lles dedicarán o seu habitual saúdo á vila do Grove. O acto rematará cunha chocolatada.