Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Arela busca persoas e/ou familias dispostas a convivir con adolescentes que están a cumprir unha medida xudicial

Fecha: 2019-01-18

 

 

 

 

 

 

 

 

 

A Asociación Arela e a Xunta de Galicia poñen en marcha o Programa CONVIVE.COMigo. Trátase dun proceso de captación, valoración, formación e seguimento de persoas ou familias para convivir con adolescentes que teñan que cumprir unha medida de convivencia con persoa ou familia. Estase a desenvolver nas provincias da Coruña e Pontevedra.

 

A técnica do Convive, Eva Piñeiro, reuniuse onte na Casa do Concello do Grove con representantes dos Servizos Sociais, SPAD, OMIX, Departamento de Orientación e ANPA do IES Monte da Vila, ANPA do CEIP e do IES As Bizocas, do CEIP Rosalía de Castro e do CEIP Valle Inclán.

 

 

ARELA e a Xunta de Galicia levan a cabo o Programa CONVIVE.COMigo nas provincias de Pontevedra e A Coruña, coa finalidade de conseguir persoas ou familias que queiran convivir cun/cunha adolescente que teña a obriga de cumprir unha medida xudicial (Convivencia con outra persoa, familia ou grupo educativo). Búscase o apoio dos diferentes concellos galegos destas provincias de cara a que poidan colaborar na difusión do mesmo e así conseguir un banco de persoas ou familias que abarquen moitos dos territorios de ambas provincias.

A través deste programa búscanse familias e persoas cunha alta sensibilidade cara á adolescencia que queiran facer unha aposta temporal por un/unha adolescente con dificultades. A través dun ambiente socializador e positivo permitiralles ás/aos adolescentes a posibilidade de modificaren as circunstancias que motivaron a medida xudicial e, polo tanto, que non reincidan nos mesmos feitos, comportamentos e actitudes unha vez regresen a vivir coa súa familia de orixe.

Os requisitos para formar parte deste programa son os seguintes: ser maior de idade, dispoñer dunha vivenda adecuada, estabilidade emocional, comprometerse a traballar en equipo, garantir un alto grao de dispoñibilidade, non buscar a satisfacción dun desexo de paternidade... Á súa vez, valorarrase positivamente a formación relacionada con ciencias sociais, a experiencia previa en programas de acollemento familiar, ter unha predisposición a ser formadas en diferentes temáticas como adolescencia, formación de carácter xurídico etc.

ARELA ofrece unha formación grupal e individual, e asesoramento, con acompañamento de profesionais e un financiamento durante os meses que permaneza o/a adolescente coa familia ou persoa.

Desde a páxina web de ARELA (www.arela.org) pódese consultar máis información sobre este programa, así como desde o teléfono da súa sede central (986 212 537) ou a través do correo electrónico convive@arela.org