O Concello do Grove continúa a formación en primeiros auxilios
Fecha: 2019-02-26
Na tarde de onte celebrouse unha nova sesión dedicada aos adestradores e monitores de clubs deportivos locais.
O Concello do Grove volveu ofrecer onte luns unha sesión de formación en emerxencias aos clubs deportivos locais. Nela participaron 24 persoas que recibiron explicacións sobre a actuación adecuada ante paradas cardíacas, paradas respiratorias, distintos tipos de traumatismos e feridas. Unha formación impartida con recursos e fondos municipais.
Trátase dunha acción máis comprendida dentro do plan de traballo que busca conseguir que O Grove sexa un espazo cardioprotexido. De feito, o vindeiro 7 de marzo tamén se realizará a correspondente formación en SVB e DESA dos monitores de pádel e dos encargados de mantemento dos recintos deportivos e adestradores dos clubs Mecos e Breogán, así como doutros clubs que se adheriron. Esta formación permitirá instalar tres novos DESA, un no pavillón novo, outro no pavillón de deportes náuticos e o último no Club de Remo Mecos, que eran os recintos deportivos que tiñan pendente este equipamento.
Formación en colexios e institutos
Esta mesma semana tamén comezaron as clases de primeiros auxilios deste curso para alumnos e alumnas de colexios e institutos entre os 10 e os 16 anos. As sesións empezaron no IES As Bizocas e foron impartidos por unha enfermeira titulada co apoio do persoal do Grupo de Emerxencias Municipal para a parte práctica.