O Concello do Grove convoca unha nova edición do Premio Ernesto Goday de pintura
Fecha: 2019-03-18
Tamén se pon en marcha a convocatoria da Bolsa de Traballo Ernesto Goday.
A Xunta de Goberno Local que tivo lugar hoxe luns acaba de aprobar as bases do Concurso de Pintura Ernesto Goday, que este ano chega á súa sétima edición. O concurso chega ao ano 2019 reforzado e con gran presenza na escena artística galega e nacional, logo de que a súa dotación fose aumentada e contando coa colaboración da Asociación Española de Pintores e Escultores, que tamén realiza un recoñecemento ao premiado.
As bases, aprobadas hoxe, estarán dispoñibles na páxina web do Concello nos vindeiros días e poderán consultarse tamén na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey. Lembramos que o premio está dotado con 3.000 euros e que conta ademais co financiamento da Deputación Provincial de Pontevedra, a través do Plan Concellos.
Bolsa de traballo
Tamén se volve a convocar para o ano 2019 a Bolsa de Traballo Ernesto Goday. Trátase do segundo ano no que se pon en marcha esta iniciativa que permite que un estudante ou doutorando de Historia da Arte manteña o traballo realizado na catalogación da grande obra de Ernesto Goday. Os resultados da anterior convocatoria foron moi positivos, pois avanzouse notablemente neste traballo e o municipio conta xa cun importante arquivo de imaxes e documentación que permitirá poder aumentar o necesario catálogo do artista.
De igual xeito que no anterior caso, as bases desta bolsa estarán dispoñibles na páxina web do Concello. A bolseira ou bolseiro seleccionado colaborará no proxecto durante tres meses e contará co financiamento municipal para este traballo.