Un total de vinte obras optan ao XXVI Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey organizado polo Concello do Grove
Fecha: 2019-09-19
O domingo 15 de setembro rematou o prazo para presentar os orixinais ao XXVI Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey, organizado polo Concello do Grove coa colaboración da Deputación de Pontevedra. Un total de 20 obras optan a esta nova edición do premio, un número considerablemente superior ao doutros anos.
O obxectivo da convocatoria é honrar a vida e obra do escritor e xornalista e, asemade, coadxuvar na promoción da escrita en galego e na divulgación dos seus autores, a través dun convenio con Edicións Xerais de Galicia. O premio está dotado con 3.000 euros e a publicación da obra gañadora pola editorial Xerais.
O xurado encargado de valorar as obras estará composto por cinco persoas especialistas en literatura que recibirán as obras a vindeira semana. Ánxela Gracián, Armando Requeixo e Mario Regueira en representación do Concello, un representante de Edicións Xerais de Galicia e o gañador da XXV edición do premio, Henrique Dacosta López, quen acadou o recoñecemento pola súa obra Illas de sotavento, reuniranse a finais de novembro ou principios de decembro para decidir a obra gañadora desta edición. O premio único outorgarase por maioría simple de votos.