Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Campaña En galego, agora e sempre

Fecha: 2010-10-29

A lingua dos defuntos

 

O Concello do Grove, desde o Servizo de Normalización Lingüística e a Concellería de Cultura, súmase á campaña En galego, agora e sempre, coa que 25 concellos de Galicia (entre eles, Santiago, Ferrol, Vilagarcía ou Redondela) pretenden rachar a contradición tradicional de usar o castelán para honrar os nosos defuntos que foron galegofalantes, un costume que altera a súa verdadeira identidade.

 

As estatísticas indican que só unha de cada mil lápidas dos nosos cemiterios está escrita en galego e unicamente o dous por cento das necrolóxicas que aparecen nos medios de comunicación está na lingua propia do noso país. Nestas datas do ano en que máis lembramos e honramos os nosos devanceiros, cómpre reflexionarmos sobre este feito. Que lingua usaban en vida os nosos defuntos? Por que a imos mudar no momento da morte?

 

Sumándose a esta campaña, o Concello comprométese a traballar para introducir o galego no ámbito funerario invitando as autoridades relixiosas a celebraren os oficios fúnebres en galego e instando as empresas funerarias a ofertaren os seus servizos tamén na nosa lingua, para que cada familia teña a opción de escoller.

 

Mañá sábado descubriranse senllas placas conmemorativas de homenaxe aos nosos antepasados nos cemiterios municipais das parroquias de San Martiño e San Vicente, nas que se poderá ler o seguinte texto: “Gloria eterna a cantos aquí xacen, porque nos deron a vida, a terra e a lingua”, ao mesmo tempo que se distribuirá un tríptico que explica o sentido desta campaña de normalización e un libro en que moitas persoas da vida política, cultural, social e económica de Galicia lles piden aos seus familiares que despois do seu falecemento respecten e protexan a súa lingua nas honras fúnebres, placas de cemiterios, notas necrolóxicas ou testamentos.