O SERVIZO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA DO CONCELLO DO GROVE CONTINÚA OS SEUS CURSOS DE LINGUA GALEGA DE XEITO TELEMÁTICO
Fecha: 2020-05-21
As clases presenciais, que comezaran o 10 de febreiro, tiveron que suspenderse coa declaración do estado de alarma .
Como en anos anteriores, o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello do Grove, dependente da Concellería de Cultura, puxo en marcha a comezos do pasado febreiro dous cursos de galego gratuítos para persoas adultas, tanto galegas como estranxeiras. Esta actividade formativa, cuxos contidos están dirixidos a quen teña como obxectivo presentarse aos certificados en lingua galega (Celga), pero tamén a quen simplemente queira iniciar ou mellorar os seus coñecementos na lingua propia de Galicia, víñase desenvolvendo con normalidade na casa da terceira idade do Grove catro tardes á semana, en dúas quendas, e a ela acudía alumnado da localidade e doutros concellos veciños, como Sanxenxo ou Meaño.
O pasado marzo, coa declaración do estado de alarma, houbo que suspender as clases presenciais. Ante esta situación, tan anómala como excepcional, e co fin de que as persoas participantes nos cursos puidesen continuar formándose, o docente e encargado do SNL ofreceulles a posibilidade de seguiren cos cursos telematicamente. Esta medida tivo moi boa acollida entre o alumnado e desde entón continúan coas clases de xeito non presencial, botando man do correo electrónico e de ferramentas gratuítas que permiten videochamadas grupais desde a casa.
Malia que nun principio estes cursos ían rematar a comezos de xuño, debido á suspensión dos prazos de solicitude de participación nas probas Celga e do descoñecemento de cando estas se van realizar, as clases de galego en liña do SNL do Concello do Grove vanse seguir impartindo ata o remate do vindeiro mes.