A POLICÍA LOCAL XA CONTA COS MODELOS DE CERTIFICACIÓN DA REVISIÓN DOS LOCAIS DE HOSTALERÍA
Fecha: 2020-05-26
Lémbrase que os establecementos poden solicitar consulta previa sobre o cumprimento das normativas para evitar problemas que poidan afectar á seguridade ou causar unha sanción.
Como xa se informou a pasada semana, a Policía Local do Grove pon á disposición dos establecementos de restauración un servizo para informar de xeito previo sobre as condicións de ocupación que deben cumprir os locais, especialmente no referido ás terrazas. O Concello ten detectado reiterados incumprimentos sobre estes aspectos desde o comezo da desescalada, algo que resulta moi preocupante, sobre todo para a seguridade da clientela e das propias persoas que traballan nos locais.
Ante esta realidade ofrécese a posibilidade de que as e os hostaleiros non incorran en incumprimentos das normas solicitando información previa da Policía Local. Para iso tan só teñen que remitir un correo electrónico a policialocal@concellodogrove.es no que indiquen a distribución que se pretende realizar, tanto da terraza como do interior do local, mediante un bosquexo ou debuxo esquemático (pode ser realizado á man de xeito sinxelo). Con esa información a Policía Local desprazarase ata o establecemento para comprobar a validez da proposta e, no caso de que non sexa válida, informar a persoa responsable sobre as posibilidades de se axustar á normativa. Unha vez chegado ao modelo correcto, a Policía facilitaralle un documento selado que permitirá que a clientela estea informada de se o local está garantindo as medidas de seguridade propostas no tocante á ocupación e ás distancias de seguridade. Este certificado, que estará exposto nos locais, daralle asemade seguridade ao hostaleiro ou á hostaleira e permitirá que a Policía Local poida realizar as revisións con maior rapidez e eficacia.
Unha vez máis, o Concello do Grove incide en que cómpre garantir a seguridade de toda a veciñanza e das persoas que nos visitan e en que non se pode baixar a garda ante o coronavirus, polo que reitera que o prioritario é cumprir as medidas de seguridade para evitarmos posibles recaídas.