Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O CONCELLO DO GROVE PARTICIPA DE NOVO NOS PREMIOS YOUTUBEIR@S

Fecha: 2020-05-27

 

O prazo para participar nesta cuarta edición comeza hoxe

 

Os Premios Youtubeir@s, organizados polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, as tres universidades galegas e a Deputación da Coruña, lanzan a súa cuarta edición con cambios significativos nas súas bases e un incremento da dotación económica, que pasa dos 6.500 euros de 2019 a 7.500 euros para repartir nas doce categorías do certame deste ano.

 

O concurso, no que participa o Servizo de Normalización Lingüística do Concello do Grove desde a súa primeira edición, estará aberto a todas as persoas maiores de 14 anos con canles e vídeos en galego, autoproducidos, subidos a YouTube e que estean publicados con data posterior ao 27 de setembro de 2019. No caso de presentar unha canle, esta debe conter polo menos vídeos maioritariamente en galego e realizados con posterioridade a esta mesma data. Deste xeito, búscase animar a creación de vídeos con temáticas e formatos diversos, pero en galego, dándolle visibilidade á produción en lingua galega e á comunidade creadora atendo ao lema deste ano: “Expandir a Rede”.

 

Unha das novidades deste ano é a reorganización e ampliación das diferentes categorías, que nesta edición chegan a: canle, vídeo, youtubeir@, calidade lingüística, impacto, calidade técnica, comunicación, creatividade, musical, didáctico, pioneiro e o premio do público. As tres primeiras categorías contarán cun premio de 1.000 euros, mentres que as nove restantes serán de 500 euros. O palmarés será escollido por un xurado profesional conformado por persoas de recoñecido prestixio.

 

Lémbrase que o prazo de inscrición comeza hoxe e pecharase o 23 de outubro de 2020 ás 23.59 h e para se inscribir tan só é preciso cubrir o formulario dispoñible na web www.youtubeiras.gal , onde tamén están dispoñibles as bases completas.

 

Desde o Concello do Grove anímase á participación, especialmente das mozas e dos mozos da localidade onde, segundo consta, existe moito talento audiovisual.